Saturday 18 de May de 2024

A Deputación da Coruña pon á venta seis vehículos do seu parque móbil


Esta iniciativa forma parte do plan do aforro posto en marcha polo goberno provincial, que xa cedeu sete coches a concellos da provincia que o solicitaron

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a oferta de venta de seis dos seus vehículos do parque móbil, unha iniciativa que forma parte do plan de aforro posto en marcha polo goberno provincial hai xa tres anos e que supuxo a renovación completa da súa flota.

Así, pasou de ter 18 coches a unicamente cinco, dous de representación e tres de servizo, ademais dos vehículos adscritos ao servizo de Vías e Obras.

Nun primeiro momento a Deputación puxo os vehículos que non ía utilizar a disposición dos concellos da provincia, co fin de que solicitaran gratuitamente a cesión de calquera deles. Unha vez rematado o prazo para que o fixeran, sete foron cedidos e o resto dos vehículos que non foron solicitados serán postos á venta.

En total, ofértanse seis vehículos, cada un cun prezo de partida, e serán adxudicados á oferta que presente á alza un prezo maior. Trátase de catro Audis, un BMW e unha furgoneta Renault Express. Todos eles están en desuso desde o ano 2012, cando o actual goberno provincial decidiu desfacerse dos vehículos oficiais para adquirir en réxime de renting outros de gama máis baixa e con menos gastos de mantemento.

A redución dos vehículos non supuxo a eliminación de ningún posto de traballo, xa que os condutores que traballaban no parque foron reubicados noutras dependencias da administración.